Obxectivos

1. Coñecer os principios básicos nos que se basean a linguaxe audiovisual e multimedia desenvolvendo unha actitude crítica fronte a estas mensaxes e analizando a súa repercusión social e individual.

2. Empregar a tecnoloxía, as ferramentas de comunicación e/ou as redes para acceder, xestionar, integrar, avaliar, crear e comunicar, ética e legalmente, co fin de poder participar activamente na sociedade do coñecemento (cámaras de vídeo dixital, software de captación de imaxe e de edición, tratamento dixital de imaxes, deseño gráfico, maquetación e edición, Internet, blogs, redes sociais…).

3. Utilizar procedementos relacionados co método científico, como a observación, a experimentación, o descubrimento e a reflexión e posterior análise. A linguaxe audiovisual enriquece a capacidade comunicativa para expresar ideas, sentimentos e emocións.

4. Fomentar a creatividade, moi especialmente artística, para o desenvolvemento de novas ideas e conceptos baseados na orixinalidade e a flexibilidade. A través do traballo e a motivación foméntase o pensamento creativo dende a idea e o seu desenvolvemento ás conclusións finais.

5. Fomentar a toma de decisións de xeito autónomo. con espírito creativo, experimentando, investigando e exercendo a autocrítica.

6. Observar a realidade para analizar con espírito crítico as mensaxes audiovisuais informativas e publicitarias desenvolvendo hábitos de consumo responsables na vida cotiá e contribuíndo á comprensión e o enriquecemento con diferentes realidades sociais.

7. Fomentar o traballo en equipo como elemento de integración entre os mozos. Aprenden a escoitar, expoñer e dialogar no debate de ideas promovéndose actitudes de respecto, tolerancia, cooperación, flexibilidade e desenvolvendo a capacidade empática para ter en conta as opinións distintas á propia con sensibilidade e espírito crítico construtivo. Este traballo cooperativo impulsa a resolución de problemas, planificando e organizando as actividades e o tempo de forma efectiva, recollendo e seleccionando información en internet.

8. Reflexionar sobre o labor creativo e artístico para valorar a importancia do respecto aos dereitos de autor, tendo en conta aspectos éticos, legais e accesibles á hora de crear e compartir coñecemento.